8/3/13

MANS PARA TODO

Fai corenta e tres anos que me trasladei á aldea onde vivo. Recordo que unha das cousas que me chamaba a atención era ver ós rapaces polas tardiñas coas vacas pola corda pola beira dos camiños, pois daquela non había carreteras polos lugares coma hoxe.
As leiras que  a maioría están agora a toxo e silvas, estaban sempre traballadas: patacas, millo, fabas, centeo, aveas e verduras que servían de sustento ás persoas e ós animais. A herba que se lle daba ás vacas na casa, cortábase á fouciña e levábase nun feixe ou nun cesto na cabeza. Aí tamén colaborabamos os rapaces.
Naquel tempo por aquí non había tractores nin maquinarias agrícolas que adiantasen o traballo como actualmente, polo tanto eran as vacas  co carro e o arado xunto cos demais apeiros cos que se realizaban os labores máis duros. Pero a “maquinaria” máis importante e necesaria eran as mans das perosas. Pois tanto para arrincar o esterco, estendelo, rozar, plantar as patacas, o millo, as fabas e tódalas sementes, era a ferramenta imprescindible.
Logo enciñar, sachar, cortar, esfollar... en fin, todo o proceso que calquer labrego de fai cincuenta anos tiña que facer se quería ter froito.
Despois coa recollida, comezaba outro ritual, exemplo, para facer a broa ou pan de millo (o pantrigo case non se coñecía) era preciso debullar as espigas, levalas a moer ó muíño, peneirar a fariña e logo amasar e cocer pan de millo para toda a semana.
Podería estenderme máis, pero as mans que aparecen debullando ó principio deste blog, recordáronme as da miña sogra e as de tantas outras mulleres que as pasaron canutas para criar ós fillos solas.
Polas mañás mandábanos á escola e pola tarde, ó que eran algo grandiños, íanlles coas vacas ós veciños para axudar e comer todos os días.
Moitos dos homes daquela emigraban a Sudamérica e xa se sabe, algúns deles, “si te he visto no me acuerdo”.
Hoxe, 8 de marzo, a miña sinxela homenaxe a todas as mulleres que só coas súas mans, foron quen de sacar as familias adiante.

     Carmen Sambad