21/12/22

De aquí para alá: "ASIA"

Logo de recuperar forzas cos arrolos e un bo descanso, a Bolboreta foi quen de dar un bo chimpo, e atopámola agora en Asia, un continente cheo de misterios e fermosos tesouros en forma de música. Anímaste a acompañala?

14/12/22

De aquí para alá: "Arrolo"

A bolboreta xa vai mooooi cansa de viaxar. Precisa uns días tranquilos. Tan esgotada está que o que busca é que a arrolen cunha "cantiga de berce". Queredes escoitala?

13/12/22

O APALPADOR NA PÁXINA DE "ORGULLO GALEGO"

A figura do Apalpador ou "Pandigueiro" está a recuperarse en moitas zonas de Galicia. O antropólogo e escritor Rafael Quintiá fala desta tradición nun encontro impulsado desde a páxina de "Orgullo Galego".

CANTOS DE NADAL

Para ir creando ambiente, non hai nada como a música. Queda aquí este Canto de Neda como primeiro "Canto de Nadal".

7/12/22

De aquí para alá: "CUBA"

A nosa amiga bolboreta chegou a unha illa fermosa, Cuba. É un país onde foron vivir hai moitos anos algúns dos nosos antepasados galegos. Alí se cantou por primeira vez o noso himno, sabíalo? Para que vexas todo o que a Bolboreta aprendeu alí, deixámosvos este video:

4/12/22

DE NADAL

Xa estamos en tempo de Nadal. Como se achega tamén o fin do ano, é momento de facer reconto. Cantas palabras galegas coñecemos relacionadas co Nadal? Queres facer un autotest? Pois aquí tés a primeira oportunidade. So unha resposta é válida. Podes facer un primeiro intento e mellorar a túa destreza logo. 

30/11/22

De aquí para alá: "XAMAICA"

A que non sabes onde está a nosa bolboreta esta semana? En Xamaica!!! Saberías localizala nun mapa? É un lugar moi especial, con ritmos, cores e músicas que so poden medrar nun paraíso como aquel! Bailamos e cantamos?

27/11/22

Play aRi[t]mar

 A aplicación Play aRi[t]mar foi creada pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, e "reúne músicas e poemas galegos e portugueses que foron galardoados ou finalistas nas diferentes edicións aRi[t]mar que se levan convocado desde 2016. As obras atópanse principalmente en forma de vídeos musicais e videopoemas, aínda que a plataforma tamén conta con versións escritas das poesías e letras de cancións e outro material complementario". 


Desde hoxe, atoparedes neste blog unha ligazón permanente á aplicación. 





MUSEO DA PESCA DE FISTERRA

 Non moi lonxe de Muxía, desde o peirao de Fisterra, podemos acceder ao castelo de San Carlos, que acolle o Museo da Pesca. Francisco Manuel López, mariñeiro e poeta, guía as visitas a este lugar único, e responde con sabedoría e paixón as preguntas que turistas, camiñantes e curiosos queren facerlle. Aquí temos unha pequena mostra do que se van atopar o alumnado de 1º, 2º e 4º de Educación Primaria este martes, día 29 en Fisterra.


23/11/22

De aquí para alá: "O BRASIL"

 Desta volta, a Bolboreta chegou a América do Sul e atopámola no Brasil, un país cheo de música e cor. 


15/11/22

DE AQUÍ PARA ALÁ: OS ESTADOS UNIDOS

Vese que á nosa Bolboreta gustoulle moito América. Hoxe está nun país moi coñecido daquel continente: os Estados Unidos. Que nos quere contar desde alí?

8/11/22

DE AQUÍ PARA ALÁ: AMÉRICA

 A nosa Bolboreta anda hoxe por América! Xa está achegándose? A quen atopa por aquela parte do mundo?


7/11/22

A COSTA DAS BALEAS

 Sabías que durante o século pasado a Costa da Morte tivo activos algúns portos baleeiros? As baleas non se pescaban, cazábanse; un dos portos que máis baleas recibía era o de Caneliñas, en Cee. Por iso verás na praza a cola dunha balea xurdindo do asfalto. Se queres coñecer algo máis desta actividade, podes visitar esta fermosa páxina web, na que os propios traballadores e traballadoras da factoría explican unha historia case esquecida. 



1/11/22

25/10/22

DE AQUÍ PARA ALÁ: METAMORFOSE

 Hoxe é mércores, e temos un novo encontro coa nosa Bolboreta, Lydia Botana. Que quererá contarnos hoxe? Que será isto da metamorfose?



CORRE, CORRE, CABACIÑA

Neste tempo de Samaín as cabazas andan por todas partes. Algunhas mesmo andan correndo... Como neste conto tan coñecido que comparte a editorial OQO.

23/10/22

SABES TODO O QUE TEMOS NO MAR?

Este video fala da riqueza do noso mar, non só en canto á variedade de especies, senón tamén en canto aos seus nomes, que poden variar moito dun lugar a outro de Galicia. En pouco máis de sete minutos podemos aproximarnos aos distintos tipos de fondo do noso litoral, e os diversos nomes dos seres vivos que habitan nel. 

Veredes imaxes reais combinadas co ilustracións das especies máis representativas. 

O proxecto, realizado por Jaime Beiro Formoso, contou co asesoramento da divulgadora científica Bibiana García .


19/10/22

DE AQUÍ PARA ALÁ : ÁFRICA

Hoxe é mércores, e volve con nós Lydia Botana, a Bolboreta. Incia a súa viaxe desde África. Ti sabes ben onde queda África?

18/10/22

"A ORIXE DA NOSA LINGUA GUAPA"

 Esta curtametraxe conta dunha forma moi atractiva, a orixe e evolución da nosa lingua. Partindo dunha idea orixinal da académica Fina Casalderrey, a R.A.G. produciu a curta, protagonizada polo alumnado do C.P.I. Santa Lucía de Moraña. Moi recomendable a partires dos 8 anos, se queremos tratar dunha forma lúdica esta parte do curriculo, e responder a moitas interrogantes sobre a vida do galego. Colaborou nesta iniciativa a Deputación da Coruña, que patrocina todas as iniciativas do proxecto Primavera das Letras


17/10/22

XOGOS TRADICIONAIS

 O Consello da Cultura Galega xunto co Observatorio do Patrimonio Lúdico ofrécenos unha aplicación sobre xogos tradicionais que pode resultarnos útil para preparar as actividades de celebración do Magosto. A versión web está dispoñible no Portal da lingua, clicando aquí ou na imaxe. 





O OUTONO

Xa chegou o outono. Estamos metidos de cheo, por fin, na chuvia que emchoupa a terra, no vento que remexe as follas das árbores, nas oites longas e nos días curtos. A Natureza prepárase para descansar das calores do verán, renovar forzas e fortalecerse para rexurdir na primavera. Pero o outono non é unha época de tristura e medo. Nesta cantiga de Uxía Lambona e a Banda Molona déixano ben claro.

"DE AQUÍ PARA ALÁ!

Lydia Botana é unha artista galega moi viaxeira. Gústalle moitísimo a música, e montada nas súas ás vai dun lado para outro coñecendo outros países, outras culturas, outras músicas, outras formas de ver o mundo. O seu traballo está recollido nos capítulos do seu libro e nos audiovisuais que iremos compartindo no blog.
Aquí tedes a súa presentación.

11/10/22

ANIMALIÑOS DO MAR

 Recuperamos as láminas que se ofrecen desde a páxina de ORGULLO GALEGO para achegarnos a coñecer os animaliños do mar. Cantos saberías identificar? 












10/10/22

"AMAR O MAR"

 "Amar o mar" é o título do proxecto que desenvolvemos este curso na nosa escola. Pero tamén é, por suposto, a emoción máis espontánea que podemos sentir vivindo onde vivimos. Para amar a alguén ou para amar algo, primeiro hai que coñecelo. E por iso este curso imos aprender moito, e imos contalo todo. Empecemos con este coñecido video de Roxelio Santos Queiruga, que en poucas palabras e con pequenas cousas, amósanos o que é amar o mar. 


10/5/22

AUDIOVISUAIS DE APOIO AOS PÓSTERS

 Neste webmix podes obter os dez videos que che guían polos pósters expostos no noso vestíbulo. Son pezas breves que falan da vida e da obra de Florencio Delgado Gurriarán. Podes acceder desde a imaxe.



9/5/22

PARA ACHEGARNOS A FLORENCIO

A tenda creativa OzocoGZ partilla cada ano recursos relacionados coa arte, a tradición e a cultura galegas. Tratándose dunha tenda de deseño e creación, a súa xenerosidade fai que poidamos acceder a materiais sinxelos coma esta carouta de Florencio Delgado Gurriarán. Podes descargala premendo aquí ou na propia imaxe.

6/5/22

PRIMAVERA DAS LETRAS

Con este video podemos achegarnos á aldea de Florencio Delgado Gurriarán, en Valdeorras, provincia de Ourense. Son os nenos da escola de Vilamartín de Valdeorras os que guían o noso camiño. 


26/4/22

TELEXORNAL : FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

O alumnado do C.E.I.P. de Dices - Rois preparou un TELEXORNAL exclusivo para conmemorar este Día das Letras. A través del podemos facer un percorrido pola vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán.

14/3/22

POEMAS PARA LEVAR: ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

 Este mes de marzo, mes da poesía, imos explorar a creatividade e os sons de Antonio García Teijeiro. É un poeta con moita imaxinación. Sabe combinar moi ben as palabras e pinta con elas versos sonoros e cheos de cores. Se te animas a achegarte aos seus poemas, podes achegarte ao corredor que leva á biblioteca e facerte cunha colección dos seus mellores versos. 



24/2/22

23 de febreiro, Día de Rosalía: "Negro Caravel"

E para rematar a semana, un tango... Si, si, Rosalía tamén pode bailarse nunha peza coma esta. Está interpretada por Sabela Ramil e Rosa Cedrón, durante unha das galas do programa de RTVE "Operación Triunfo".

Esta música que acompaña ao poema foi composta pola propia Rosa Cedrón e a pianista (e gaiteira) Cristina Pato. 

23/2/22

23 de febreiro, Día de Rosalía: "Unha vez tiven un cravo"

Os poemas de Rosalía son tan actuais que poden ser interpretados cunha sinxela lectura, adaptados ao rock'n'roll ou á música folk, musicados con estilo pop ou rapeados. 
Aquí, a rapeira viguesa Aíd fai a súa versión de "Unha vez tiven un cravo".



22/2/22

23 de febreiro, Día de Rosalía: "Adiós ríos, adiós fontes"

 Este poema, co que imos "pintar" a Rosalía, tamén pertence a "Cantares Gallegos". Amancio Prada púxolle música e foi interpretado por moitos artistas. Aquí temos a versión de Lucía Pérez. 






21/2/22

23 de febreiro, Día de Rosalía: "Negra Sombra"

Un dos poemas máis coñecidos e cantados é "Negra Sombra". Pertence ao poemario "Follas Novas". A música orixinal foi composta por Juan Montes.

  

Esta versión ten un especial significado, porque foi interpretada por Luz Casal e Carlos Núñez como homenaxe ás vitimas da COVID-19 en xuño de 2020 no claustro do convento de San Francisco, en Compostela. 

20/2/22

23 de febreiro, día de Rosalía: "Meniña ti a máis fermosa"

 Este poema pertence á obra máis popular de Rosalía de Castro, "Cantares Gallegos". Roi Casal musicouno e interpretouno baixo o título de "Ninfa das frescas augas".


Que sabes sobre Rosalía de Castro?

 Pois si, esta vai ser a semana de Rosalía de Castro. Podemos poñer a proba os nosos coñecementos sobre ela, e aprender un pouquiño máis. 

Este GENIALLY do que dispoñemos grazas á colaboración de varios centros de A Coruña vainos axudar moito. Atrevédesvos?




23 de febreiro, Día de Rosalía

Para conmemorar o 185º aniversario de Rosalía de Castro, achegámonos á súa figura, revisamos a súa biografía, lemos os seus poemas e, como non pode ser doutra forma, cantámola. 


A música para "Tecín soa a miña tea" foi composta por Antón Seoane, e máis tarde musicado e interpretado por Guadi Galego acompañada por Abe Rábade. Este poema fai parte de "Follas Novas", publicado por primeira vez no ano 1880.

18/1/22

TANXUGUEIRAS

A palabra "TANXUGUEIRAS" (así, en plural), é un "microtopónimo", é dicir, refírese ao nome dun lugar pequeno, reducido, moi delimitado; neste caso, e según refiren as compoñentes do grupo musical, un conxunto de leiras do
concello de Riós (Ourense). 
Este microtopónimo procede da palabra "TANXUGO", ou "TEIXUGO", ou "PORCO TEIXO", que é o nome que recibe este pequeno mamífero que vive nos nosos montes. 
Debido á popularidade acadada polo grupo musical "TANXUGUEIRAS", esta foi a palabra máis votada como "Palabra do ano 2021", en resposta á convocatoria feita desde o Portal Galego da Lingua, da Real Academia Galega.




17/1/22

NON HAI FRONTEIRAS

No noso centro, o mes de xaneiro é o "Mes da Paz". Este ano, para conmemoralo, escollemos a canción "Terra", baixo o lema do seu retrouso: "Non hai fronteiras". É un lema poderoso, moi necesario en tempos COVID, nos que debemos lembrar a importancia de estar máis unidos ca nunca, malia as distancias físicas. Axudar, colaborar, empatizar,... Sirva como exemplo o video montado desde o hospital de Ourense, onde se amosa o coidado, a constancia, a empatía e o cariño diante das dificultades. Non fagamos fronteiras.