25/2/21

Canto sabes de Rosalía de Castro?

 Se cadra, ao ler a entrada anterior, enterácheste dalgún detalle sobre a vida e a obra de Rosalía que descoñecías. Nunca acabamos de saber suficiente sobre alguén cun percorrido tan amplo como ela tivo. 

O xornal científico GCIENCIA elaborou un inxenioso cuestionario para "medir" o noso coñecemento da autora galega. Se queres aceptar o reto, non tés máis que premer na imaxe de Rosalía. Aí queda. 



24/2/21

INVESTIGANDO A ROSALÍA

Por se queres seguir investigando, desde a RAG propóñennos un xogo de pesquisas. Entra neste "Genially" e proba as túas dotes como investigador ou investigadora. 



ROSALÍA DE CASTRO, FELIZ ANIVERSARIO

No día de hoxe Rosalía cumpriría 184 anos. Para nós Rosalía non é unha poeta máis, é "a poeta". A súa influencia na literatura e na cultura galega supera a calquera outra figura da historia de Galicia. Foi ela quen dignificou a nosa lingua e a nosa cultura despois de séculos de esquecemento, dando lugar ao movemento coñecido como "Rexurdimento", do que tamén fan parte Eduardo Pondal, Curros Enríquez ou Manuel Murguía -o marido de Rosalía- entre outros. 

Se queres coñecer máis da súa vida, podes darlle un repaso con este video de "Drawmylife".


16/2/21

As Xeneralas da Ulla

Hoxe é martes de Entroido, o día grande da festa. Xa vimos de tratar de moitos exemplos desta celebración en Galicia. Unha das máis sonadas é a de Bandeira e os Xenerais da Ulla. Disque este Entroido orixinouse coa invasión dos franceses no século XIX, e os protagonistas son os "correos" e os "xenerais", que percorren a vila de Bandeira montados a cabalo, e desafiándose coa palabra. No programa da TVG "Detrás da carauta" fannos un resumo ben cumprido, para que nos enteremos das características máis chamativas:


"Cachirulo teatro" fixo unha réplica con fermosos monicreques. Eis o resultado:


10/2/21

AS MÁSCARAS GALEGAS, IV: os BOTEIROS de Viana do Bolo

 Os boteiros son a máscara representativa de Viana. Está feita de pel de cabra ou de cartón, de cor rosa, e teñen un peso considerable, porque están coronadas por unha gran pantalla de formas xeométricas adobiadas con fitas de cores. 


9/2/21

AS "MÁSCARAS GALEGAS, III": os "FELOS" de Maceda

Teñen moito parecido cos peliqueiros os "felos" de Maceda, pero eles non levan pelica, senón un caxato. Levan tamén meias negras e grandes pelicas penduradas do van. Protéxense dos seus golpes cunha faixa ben grosa (de feito usan sabas ou colchas para facelas). Neste antigo video do ano 1995 ofrecido pola TVG podedes ver como se visten e logo pasean polas rúas de Maceda.

AS "MÁSCARAS" GALEGAS, II: os "PELIQUEIROS" de Laza

Unha das máscaras máis coñecidas do Entroido galego é a dos peliqueiros. Segundo explican na galipedia, é "unha carouta de madeira pintada de cores rechamantes, que se prolonga nunha especie de mitra de metal cun motivo zodárico (é dicir, de león, lobo, boi,...). Detrás leva unha pelica de can, noutro tempo de gato montés, raposo ou lobo. Desta pelica venlle o nome de peliqueiro que se lle dá en Laza. O traxe está composto por unha camisola branca, gravata e unha chaquetiña curta da que colgan flocos dourados que van atados con lazos de tres cores. Sobor dos ombreiros vai un pano pendurado da chaqueta. Unha gran faixa vermela envolta á cintura suxeita o pantalón, se cadra a parte máis traballosa do traxe. Enriba da faixa vai o cinto do que colgan as chocas. As pernas do cigarrón van cubertas con meias brancas e ligas. Zapatos mouros e un mallo na man completan o indumento deste personaxe típico do entroido de Laza."

Neste video da TVG vemos o laborioso proceso de creación dun peliqueiro:



E aquí podes velos en acción percorrendo as rúas da localidade:

8/2/21

AS "MÁSCARAS GALEGAS" I: as "PANTALLAS" de Xinzo de Limia

Comezamos o noso camiño polo Entroido galego coas "pantallas" de Xinzo. Os que queren disfrazarse, visten camisa e calzón brancos, capa vermella ou negra, pano (case sempre vermello), polainas negras e zapatos negros (segundo a páxina de "Ourense Natural". Unha faixa tamén vermella lévase no van, xunto coas campaíñas ou chocas, para sufrir menos o seu roce. Non poden faltar as vexigas cheas de auga, que acompañan ao traxe para perseguir aos viandantes, e que se repoñen cada vez que rachan. 

Neste vídeo de Telemiño podes ver e escoitar sobre as pantallas, da man dunha experta:



E neste outro do Concello de Xinzo, podes sentirte dentro da festa, vendo como a xente celebra a tradición na súa vila:



7/2/21

DOMINGO FARELEIRO

O "domingo fareleiro" marca o inicio do Entroido en Galicia. Debería terse celebrado hai un mes, mais este ano non foi posible por causa da pandemia. Neste día, "os rapaces emporcallan á xente con farelo, borralla, betume e ferruxe dos potes" -segundo nos explica a Galipedia- en algunhas vilas e aldeas da provincia de Ourense, onde se celebra o Entroido máis coñecido de Galicia. 
Así foi celebrado outros anos, como recolle o noso veciño Marcos Rodríguez na súa canle de youtube:

6/2/21

O ENTROIDO GALEGO

 Xa está de volta o Entroido! É a festa máis divertida e toleirá da nosa tradición. Cada un vive o Entroido como lle peta, pero... vívese igual en todas partes? Aquí temos un video-resumo de Turgalicia, compartido desde a páxina de Orgullo Galego, que da un repaso pola maioría dos personaxes do noso Entroido. A cantos personaxes dos que se ven saberías poñerlle nome?


4/2/21

Vocabulario: Aves Galegas (III)

Con esta rematamos, polo momento, a serie sobre o vocabulario. Xa aprendemos os seus nomes. Agora so hai que sair pasear, e levantar a vista, intentando recoñecelas.

E se non alcanzas a velas, podes fiarte do ouvido, e recoñecer os seus chíos, o son que producen cando chaman, xogan, avisan, bailan,...


3/2/21

Vocabulario : AVES GALEGAS (II)

Na penúltima entrada desta serie publicamos o primeiro cartaz dos tres cos que ilustramos o tema das aves. Aquí tés o segundo. Cantas destas aves coñeces?

Aínda que non a vexamos moito, todos e todas nesta escola estamos familiarizados coa curuxa. Canto sabes dela?



2/2/21

As aves

Son tantas as aves que viven connosco que resulta case imposible coñecelas a todas. Pero se facemos unha sinxela escolla, seguro que non vas ter problema. Empezamos polas que máis se deixan ver, e aproveitamos este sinxela presentación do libro "As aves" editado pola Mesa pola Normalización, e orixinal de Calros Silvar. Preme na imaxe para velas.




1/2/21

Os nomes das aves

Estamos rodeados de aves, pero apenas nos fixamos nelas. Son animais fermosos, dotados de habilidades incribles, pero seguimos sen miralas. Acompañan os nosos paseos cos seus chíos pero non facemos caso. E, se cadra, nin sabemos os seus nomes. 

Imos axudarvos pouco a pouco coa colaboración da páxina de "Orgullo Galego" e os seus estupendos cartaces. Velaí vai o primeiro:


Se prestas atención, verás que o segundo da lista é o cirrio, chamado tamén birrio ou anduriñón. Foi escollido pola organización SEO BIRDLIFE como ave do ano 2021. 

Non digas que non o coñeces. Escoita como canta aquí.