16/10/23

Día das Escritoras

 En colaboración coa biblioteca hoxe, día 16 de outubro, conmemoramos o "Día das Escritoras", lembrando algunhas das escritoras galegas. 

Lembramos que Paula Carballeira foi Premio Nacional de Literatura Dramática neste ano 2023, e Yolanda Castaño acaba de ser galardoada co Premio Nacional de Poesía. 


9/10/23

FACEMOS UN COLAR DE ZONCHOS?

Dende a conta de INSTAGRAM de @medialaranxa8828 explican como facer un lindo colar de castañas. É ben doado, aínda que precisamos axuda dos maiores para cocer as castañas!

A canción do Magosto en "13 Lúas"

 Para animar a festa do Magosto non hai nada como cantar. Aquí queda a cantiga que ofrece o disco "13 lúas" que podes atopar na nosa biblioteca. 


O mundo da morte e as "ánimas" con Rafael Quintía

Desde a páxina de "ORGULLO GALEGO" temos acceso a unha conversa co antropólogo Rafael Quintía que explica a relación co mundo das ánimas na cultura tradicional galega. 
 

ACHEGARNOS AO MAGOSTO

 O Magosto é unha festa tradicional en Galicia. Sabemos que está relacionada coa celebración dos "Defuntos", e tamén co Samaín. Desde a páxina de "ORGULLO GALEGO" fannos un resumo do que é o Magosto. 


14/5/23

ACHEGÁNDONOS A FERNÁNDEZ DEL RIEGO A TRAVÉS DOS CARTACES

 

Os cartaces que están expostos no vestíbulo ofrecen unha variedade de actividades que podedes desenvolver. Visitando a páxina web onde están aloxados, podedes acceder a diversos recursos que nos achegan á figura de Don Paco. Están clasificados por bloques:

Bloque 1: Infantil

Bloque 2: 1º e 2º E.P.

Bloque 3: 3º e 4 E.P.

Bloque 4: 5º e 6º E.P.

Existe, ademais, un último bloque destinado a actividades para fomento da igualdade.



12/5/23

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO, V: "O Día das Letras Galegas"

 Esta conmemoración, que cada ano nos leva a lembrar a unha figura destacada da nosa literatura, foi iniciativa de Don Paco. Como se lle ocorreu esta idea?


11/5/23

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO IV: "Xermolar da semente"

Durante o franquismo, e pese á prohibición de publicar en galego, vanse conquistando pouco a pouco espazos para a nosa cultura. A editorial Galaxia, dirixida por Francisco Fernández del Riego recupera escritores como Celso Emilio Ferreiro e Álvaro Cunqueiro, e atrae a xóvenes creadores.

10/5/23

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO III: "Furando nas tebras"

 A guerra provoca un cambio enorme na vida de Francisco. Pasouno moi mal ata que nos anos 50 chega, cun grupo de amigos, a crear a Editorial Galaxia. 


9/5/23

XOGO: " Dimo con letras"

 Unha das paixóns de Francisco Fernández del Riego era mellorar o coñecemento da nosa lingua, e non perder palabras que son parte de nós. Queres probar a túa pericia? Aquí temos un xogo moi sinxelo que consiste en escoitar e escribir. A ver se és quen de acertalas todas. Preme na imaxe se queres xogar. 



FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO, II: "A pegada política"

Seguimos a coñecer paso a paso a vida de Don Paco. Agora, xa mozo, inicia unha nova xeira na que se relacionará cos movementos políticos que defenden o Estatuto de Galicia.

VIDEO CLIP

 Desde o blog "O recuncho de Tambo", do CEIP Carballal, chéganos esta divertida iniciativa. A comunidade educativa preparou un video-clip resumindo a biografía de Francisco Fernández del Riego, coa música dunha famosa cantante americana, Roberta Flack. Unha estupenda forma de lembrar ao noso querido "Don Paco".


20/4/23

Francisco Fernández del Riego: o que nunca se rendeu.

 Francisco Fernánez del Riego é o persoeiro ao que adicamos este ano o "Día das Letras Galegas". Naceu en Vilanova de Lourenzá (Lugo) en 1913 e morreu en Vigo en novembro de 2010. Para coñecelo mellor, a Real Academia Galega publica unha serie de videos que nos achegan á súa vida, e á importancia que tivo o seu traballo para a cultura galega.

Este primeiro capítulo titúlase "As luces primeiras", e vainos dar a coñecer a Francisco (ao que todos chamaban Paco) cando era neno. 


13/3/23

XOSE IGLESIAS E O SEU BARCO

 Este "Nove metros" foi o poema que deu a coñecer ao poeta ceense Xose Iglesias. Publicouno en youtube e naquelas alturas supuxo un salto moi importante: a poesía espallábase por estas outras redes, as de INTERNET. 

7/3/23

VIKI RIVADULLA: "As mulleres e o mar"


 Mañá, día 8 de marzo recibiremos na biblioteca a visita de Viki Rivadulla, pintora e escultora dedicada xenerosamente á nosa cultura.
 Viki naceu na Coruña, pero toda a súa vida está vinculada coa vila de Muxía. As súas fillas foron tamén alumnas deste centro, e encántanos tela connosco. 
Virá falarnos das mulleres de do mar, da importancia de coidar o noso medio, e tamén da importancia de valorar ás nosas mulleres e do seu traballo. Mulleres mariñeiras sen embarcar, mulleres que crían soas aos seus fillos, mentres os homes traballan no océano. Mulleres de mariñeiros envoltas no peixe, no salitre e  nas redes. Mulleres que foron fillas, nais, avoas, irmás e viúvas de mariñeiros. Mulleres traballadoras. 




6/2/23

Onde está Rosalía?

 Neste mes de febreiro que conmemoramos o nacemento de Rosalía, atopamos esta artística curta na que buscamos a Rosalía de Castro na paisaxe, seguindo un dos seus poemas. Va que eres quen de aprendelo?


1/2/23

Cantamos e creamos

 Deixamos aquí un par de suxestións para traballar nestes días: unha cantiga que convida a imitar as aves: "Voa, voa, paxariño", e unha sinxela manualidade para encher a nosa aula de niños. Queredes probar?



Podes descargar aquí a información e modelo para elaborar a seguinte manualidade:

O Día da Candeloria

 "A partir da Candeloria, ningunha ave voa soa", seica di o refrán. Isto é así porque, segundo a tradición, os paxariños casan neste día, o 2 de febreiro. 

A palabras candeloria ven de candea, que significa "luz alimentada con cera ou sebo". Esta palabra, igual que a tradición chegounos co latín, aínda que seguramente a festa é moito máis antiga, porque está relacionada co ciclo da natureza. O día 2 de febreiro cadra no medio do inverno, e neste momento do ano celebramos o retorno da luz e o fin da escuridade que comezou co Samaín. Na mitoloxía celta celebraban este día o Imbolg na honra da deusa Brigit, protectora das colleitas e da fecundidade. Todo o que envolve esta tradición está relacionado co anuncio da primavera, que xa vemos chegando alá por finais do mes de marzo. 

31/1/23

Costa coruñesa, refuxio de aves mariñas

O CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación de Galicia) publicou hai un par de anos, dentro do seu "Proxecto Aves Ártabras" este video falando da situación das aves mariñas na Coruña e na costa galega en xeral. Unha das especies analizadas foi o corvo mariño cristado. É moi interesante este relatorio que recolle datos moi actualizados, contando co impacto que a actividade humana ten na paisaxe e os seres vivos que a habitan.

30/1/23

AS AVES MARIÑAS E MÁIS NÓS

 Sempre que pensamos nos animais mariños, imaxinamos peixes e mamíferos que viven baixo as augas. Pero tamén hai aves mariñas, que viven e se alimentan dos recursos que o mar ofrece, e que se adaptaron ás duras condicións deste medio frío e cambiante. O corvo mariño cristado, as gaivotas e os araos van ser os escollidos este curso para adentrarnos no fascinante mundo das aves. 

Deixámosvos este video como mostra da relación que as persoas temos con estes seres vivos, que se adaptan a nós e ao que nós construímos (e destruímos), que sobreviven ao noso carón sen que reparemos nelas, e nalgúns casos, van desaparecendo da nosa vista para que nunca máis volvamos velas. 

Damos un paseo virtual pola costa?