14/12/21

O APALPADOR

 Chega o Nadal, e con el o Apalpador. Sabedes en que consiste o seu traballo? Non é nada doado. 


 

O Museo de Belas Artes de A Coruña queda desde hoxe aloxado de forma virtual no noso blog. Permite o acceso ás súas salas, cunha breve descrición das obras recollidas (a maioría delas pinturas). Non tés máis que premer no logo desta entrada, ou acodir á ligazón permanente na columna da dereita. Tés, ademáis un acceso a audioguías emocionais, e a materiais didácticos na ligazón "BELAS ARTES NA CASA". 

10/11/21

"AQUELANDO" COA CIENCIA

 

Para que non nos falten recursos, aquí temos un programa dedicado á ciencia, no que podemos aprender de todo: desde o ciclo da auga ata as leis de Newton. Que quen é Newton? Ahhhhh! Pois é cuestión de que investiguedes. Polo momento, queda aloxado no noso blog a canle de "AQUELANDO" do Xabarín Club.

 


O Portal da Lingua Galega achéganos "Biblioaventuras", unha serie de catro contos que nos introducen no mundo da investigación, as pesquisas e a aprendizaxe. O título, evidentemente, ten relación coa biblioteca como centro de recursos e coñecemento. Ata o momento, contén catro historias : "Descubrindo", "Investigando", "Participando" e "Imaxinando". Quedan tamén enlazadas na nosa columna de recursos, á dereita deste blog. 

3/11/21

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO

Novembro ten moitas datas especiais, pero ademais é o "Mes da Ciencia en Galego". Non debemos esquecer que en galego temos un mundo enteiro, e para mostra, este botón. Un episodio de "TOUPICIENCIA", adicado á rotación da Terra. 
Se queres coñecer máis acerca desta canle, queda instalada a ligazón na columna da dereita. 

21/4/21

XELA, DE LUGO A VIGO

A Real Academia Galega preparou varios documentais sobre a escritora. No primeiro fálannos sobre todo da súa infancia. Tamén escoitamos a súa palabra, a través da lectura noutras voces. Temos a fortuna de poder disfrutar das descricións que dela fan a súa nai, os seus irmáns, mestres e compañeiros. 

XELA ARIAS... QUEN É?

Cando queremos coñecer a alguén, preguntámoslle pola súa vida: onde naceu, onde estuda, que lle gusta... Para achegarnos a Xela Arias, o alumnado de 5º E.P. do Colexio San Pío X de Ourense preparou un breve documental no que nos fala de Xela, da súa escola, dos seus gustos e afeccións. Así saberemos o por que da súa forma de ver o mundo. 



17/3/21

MÚSICAS DO CAMIÑO

Desde o Portal da Lingua Galega, achégannos este video-clip de Xoán Curiel, quen " musicalizou varias cantigas medievais compostas por trobadores galgos vencellados dalgún xeito a autores dos lugares polos que transcorre o Camiño de Santiago".


Son once as pezas musicadas, e temos a sorpresa de que unha delas está relacionada con Muxía: "A furna da Buserana". Premendo aquí podes escoitala e descargala. 

25/2/21

Canto sabes de Rosalía de Castro?

 Se cadra, ao ler a entrada anterior, enterácheste dalgún detalle sobre a vida e a obra de Rosalía que descoñecías. Nunca acabamos de saber suficiente sobre alguén cun percorrido tan amplo como ela tivo. 

O xornal científico GCIENCIA elaborou un inxenioso cuestionario para "medir" o noso coñecemento da autora galega. Se queres aceptar o reto, non tés máis que premer na imaxe de Rosalía. Aí queda. 



24/2/21

INVESTIGANDO A ROSALÍA

Por se queres seguir investigando, desde a RAG propóñennos un xogo de pesquisas. Entra neste "Genially" e proba as túas dotes como investigador ou investigadora. 



ROSALÍA DE CASTRO, FELIZ ANIVERSARIO

No día de hoxe Rosalía cumpriría 184 anos. Para nós Rosalía non é unha poeta máis, é "a poeta". A súa influencia na literatura e na cultura galega supera a calquera outra figura da historia de Galicia. Foi ela quen dignificou a nosa lingua e a nosa cultura despois de séculos de esquecemento, dando lugar ao movemento coñecido como "Rexurdimento", do que tamén fan parte Eduardo Pondal, Curros Enríquez ou Manuel Murguía -o marido de Rosalía- entre outros. 

Se queres coñecer máis da súa vida, podes darlle un repaso con este video de "Drawmylife".


16/2/21

As Xeneralas da Ulla

Hoxe é martes de Entroido, o día grande da festa. Xa vimos de tratar de moitos exemplos desta celebración en Galicia. Unha das máis sonadas é a de Bandeira e os Xenerais da Ulla. Disque este Entroido orixinouse coa invasión dos franceses no século XIX, e os protagonistas son os "correos" e os "xenerais", que percorren a vila de Bandeira montados a cabalo, e desafiándose coa palabra. No programa da TVG "Detrás da carauta" fannos un resumo ben cumprido, para que nos enteremos das características máis chamativas:


"Cachirulo teatro" fixo unha réplica con fermosos monicreques. Eis o resultado:


10/2/21

AS MÁSCARAS GALEGAS, IV: os BOTEIROS de Viana do Bolo

 Os boteiros son a máscara representativa de Viana. Está feita de pel de cabra ou de cartón, de cor rosa, e teñen un peso considerable, porque están coronadas por unha gran pantalla de formas xeométricas adobiadas con fitas de cores. 


9/2/21

AS "MÁSCARAS GALEGAS, III": os "FELOS" de Maceda

Teñen moito parecido cos peliqueiros os "felos" de Maceda, pero eles non levan pelica, senón un caxato. Levan tamén meias negras e grandes pelicas penduradas do van. Protéxense dos seus golpes cunha faixa ben grosa (de feito usan sabas ou colchas para facelas). Neste antigo video do ano 1995 ofrecido pola TVG podedes ver como se visten e logo pasean polas rúas de Maceda.

AS "MÁSCARAS" GALEGAS, II: os "PELIQUEIROS" de Laza

Unha das máscaras máis coñecidas do Entroido galego é a dos peliqueiros. Segundo explican na galipedia, é "unha carouta de madeira pintada de cores rechamantes, que se prolonga nunha especie de mitra de metal cun motivo zodárico (é dicir, de león, lobo, boi,...). Detrás leva unha pelica de can, noutro tempo de gato montés, raposo ou lobo. Desta pelica venlle o nome de peliqueiro que se lle dá en Laza. O traxe está composto por unha camisola branca, gravata e unha chaquetiña curta da que colgan flocos dourados que van atados con lazos de tres cores. Sobor dos ombreiros vai un pano pendurado da chaqueta. Unha gran faixa vermela envolta á cintura suxeita o pantalón, se cadra a parte máis traballosa do traxe. Enriba da faixa vai o cinto do que colgan as chocas. As pernas do cigarrón van cubertas con meias brancas e ligas. Zapatos mouros e un mallo na man completan o indumento deste personaxe típico do entroido de Laza."

Neste video da TVG vemos o laborioso proceso de creación dun peliqueiro:



E aquí podes velos en acción percorrendo as rúas da localidade:

8/2/21

AS "MÁSCARAS GALEGAS" I: as "PANTALLAS" de Xinzo de Limia

Comezamos o noso camiño polo Entroido galego coas "pantallas" de Xinzo. Os que queren disfrazarse, visten camisa e calzón brancos, capa vermella ou negra, pano (case sempre vermello), polainas negras e zapatos negros (segundo a páxina de "Ourense Natural". Unha faixa tamén vermella lévase no van, xunto coas campaíñas ou chocas, para sufrir menos o seu roce. Non poden faltar as vexigas cheas de auga, que acompañan ao traxe para perseguir aos viandantes, e que se repoñen cada vez que rachan. 

Neste vídeo de Telemiño podes ver e escoitar sobre as pantallas, da man dunha experta:



E neste outro do Concello de Xinzo, podes sentirte dentro da festa, vendo como a xente celebra a tradición na súa vila:



7/2/21

DOMINGO FARELEIRO

O "domingo fareleiro" marca o inicio do Entroido en Galicia. Debería terse celebrado hai un mes, mais este ano non foi posible por causa da pandemia. Neste día, "os rapaces emporcallan á xente con farelo, borralla, betume e ferruxe dos potes" -segundo nos explica a Galipedia- en algunhas vilas e aldeas da provincia de Ourense, onde se celebra o Entroido máis coñecido de Galicia. 
Así foi celebrado outros anos, como recolle o noso veciño Marcos Rodríguez na súa canle de youtube:

6/2/21

O ENTROIDO GALEGO

 Xa está de volta o Entroido! É a festa máis divertida e toleirá da nosa tradición. Cada un vive o Entroido como lle peta, pero... vívese igual en todas partes? Aquí temos un video-resumo de Turgalicia, compartido desde a páxina de Orgullo Galego, que da un repaso pola maioría dos personaxes do noso Entroido. A cantos personaxes dos que se ven saberías poñerlle nome?


4/2/21

Vocabulario: Aves Galegas (III)

Con esta rematamos, polo momento, a serie sobre o vocabulario. Xa aprendemos os seus nomes. Agora so hai que sair pasear, e levantar a vista, intentando recoñecelas.

E se non alcanzas a velas, podes fiarte do ouvido, e recoñecer os seus chíos, o son que producen cando chaman, xogan, avisan, bailan,...


3/2/21

Vocabulario : AVES GALEGAS (II)

Na penúltima entrada desta serie publicamos o primeiro cartaz dos tres cos que ilustramos o tema das aves. Aquí tés o segundo. Cantas destas aves coñeces?

Aínda que non a vexamos moito, todos e todas nesta escola estamos familiarizados coa curuxa. Canto sabes dela?



2/2/21

As aves

Son tantas as aves que viven connosco que resulta case imposible coñecelas a todas. Pero se facemos unha sinxela escolla, seguro que non vas ter problema. Empezamos polas que máis se deixan ver, e aproveitamos este sinxela presentación do libro "As aves" editado pola Mesa pola Normalización, e orixinal de Calros Silvar. Preme na imaxe para velas.




1/2/21

Os nomes das aves

Estamos rodeados de aves, pero apenas nos fixamos nelas. Son animais fermosos, dotados de habilidades incribles, pero seguimos sen miralas. Acompañan os nosos paseos cos seus chíos pero non facemos caso. E, se cadra, nin sabemos os seus nomes. 

Imos axudarvos pouco a pouco coa colaboración da páxina de "Orgullo Galego" e os seus estupendos cartaces. Velaí vai o primeiro:


Se prestas atención, verás que o segundo da lista é o cirrio, chamado tamén birrio ou anduriñón. Foi escollido pola organización SEO BIRDLIFE como ave do ano 2021. 

Non digas que non o coñeces. Escoita como canta aquí.

31/1/21

O Día da Candeloria

"Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, metade do inverno está por pasar."

Mañá, o segundo día de febreiro, é unha data especial. Seica casan os paxariños! Xa o dí o refrán:

"Pola Candeloira casan os paxariños e maila galiñola".

É unha fermosa tradición, vencellada coa natureza, que nos obriga a levantar a vista e observar o mundo das aves. 

Segundo recollen no diario "Nós":

“É unha data dedicada ao amor e á fecundidade, os paxaros serven como referencia de observación da natureza e como obxectos de construción simbólica”

Rafael Quintía, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega. 

Va que é unha fermosa celebración?

Pois imos celebralo cunha canción:


PROXECTO REBINXE

Coñecedes o "PROXECTO REBINXE"? Segundo parece este nome tan raro é o acrónimo de "recuperación da biodiversidade na xeografía (rural)". É unha marabillosa iniciativa do I.E.S. San Rosendo de Mondoñedo.  Tratan de desenvolver iniciativas para protexer o seu entorno, a Serra do Xistral, un riquísimo ecosistema que pode estar en perigo. Para que teñades unha idea do traballo espectacular que están facendo non tedes máis que asomarvos a esta xaneliña e ver o que gravaron colocando unha cámara no medio do bosque. Ollade... 





De cantos animaliños dos que aquí se ven coñeces o nome?

28/1/21

DESMONTANDO SANTIAGO DE COMPOSTELA

Este é o título dun dos programas da serie "Desmotando Galicia" que foi emitido durante o pasado ano. Aproveitamos que a TVG deixa estes espazos na súa programación á carta, e achegámonos á cidade que remata o noso camiño deste curso. Seguro que desta forma aumentamos as ganas de facer este longo percurso que é o "Camiño de Santiago" por algún dos seus itinerarios. A cidade compostelá garda moitos segredos. Se queres acompañarnos, velaí tés unha mostra. E se queres profundizar, non tés más que premer aquí e ver o programa completo. 

 

27/1/21

Paseamos e xogamos

Se o tempo o permite, podemos saír pasear polo monte. Están moi de moda os "baños de bosque", relaxantes e espirituais. Pero a nós tamén nos gusta xogar. Para iso, precisamos da colaboración da natureza, e maiormente das árbores. Neste caso, dos carballos. Os carballos son árbores nobres, creadores de sombra agarimosa no verán, e moi sabios, porque adoitan ter unha longa vida. Moitos deles agochan un secreto que nós podemos aproveitar para xogar. Queres coñecelo? 

Desde "Xogamos en rede", fálannos dos bugallos. Procura pasear cunha persoa maior que saiba manexar a navalla, e voltarás cun divertido agasallo para casa. Por certo, o segredo que agocha ten algo que ver coa nosa biblioteca. Sabes o que é?


26/1/21

PARABÉNS!

Cantas veces temos que felicitar a compañeiros e compañeiras, a persoas da nosa familia, aos amigos e ás amigas ... e non lembramos ben como facelo usando correctamente a nosa lingua? Para as emerxencias, botamos man dos que xa pensaron niso antes ca nós. Aquí tedes o "Parabéns para ti" en galego. Grazas á iniciativa do Concello de Carballo por preparar este video. 




E xa que estamos, podemos lembrar cales son as palabras correctas en galego para celebrar un aniversario (non un cumpreanos*). A nosa "asesora" comentouno cando celebraron o seu programa número 100!

25/1/21

Mapas interactivos

 Non hai moitos recursos ao noso dispor para traballar as Ciencias Sociais en galego. Cando se trata de xeografía, custa ás veces achar recursos dixitais. Mergullando nas redes atopamos algunhas suxestións como a de DIDACTALIA, que ten xogos interactivos diversos para repasar desde un nivel inicial a outro máis experto. 


Premendo nesta ligazón podes acceder ao sitio web. Quedará aloxado tamén na coluna da dereita. Xa nos contarás que tal funciona.

24/1/21

Os dedos da man

Ás veces, o máis simples convírtese no máis difícil. A influencia do castelán no galego é tan grande, que mesmo estamos esquecendo os nomes dos dedos das nosas mans. Sempre podemos axudarnos co dicionario, pero... va que é máis doado velo nunha sinxela ilustración? Desde a páxina de "Orgullo Galego" chéganos esta proposta. 


E desde o #digochoeu, a axuda impagable da nosa youtuber favorita, con poemiña incluído:


23/1/21

Seguimos xogando en rede: "Os pelouros"

Traemos hoxe outro xogo co que podemos presumir de rapidez e habilidade coas mans. É o xogo dos pelouros. En castelán coñécese tamén como "las tabas", aínda que se xoga con pequenos ósos, e non con pedriñas. 

En calquera recuncho podedes atopar os elementos cos que xogar. Só hai que poñer vontade, ensaiar, e buscar contrincantes, co que o xogo resultará máis divertido. 


20/1/21

O almorzo

De todos é sabido que a comida máis importante do día é... o almorzo! En galego o almorzo é a primeira comida do día, o que en portugués chaman "pequeno almoço", en francés "petit déjeuner", en castelán "desayuno" e en inglés "breakfast". Lembrade que en castelán "el almuerzo" é o noso "xantar" (a comida do mediodía), e en portugués, o xantar é a nosa cea, é dicir, a comida da noite... menudo lío, non?
O caso é que o almorzo é a comida máis importante do día e ben merece un capítulo aparte. 
Aquí vos deixamos un bo resumo do que é aconsellable no almorzo (non todo xunto, por suposto), por se tedes dúbidas acerca de que podedes preparar cada mañá.


19/1/21

"Martiño Peregrín", por Uxía Lambona e a Banda Molona

Pois xa nos fixeron a banda sonora para este curso! Vese que "Uxía Lambona e a Banda Molona" tomaron nota do noso proxecto e puxéronse a pensar nunha cantiga ben bonita (molona) para traballar e aprender ben ambientados. Va que vos gusta e vos mola?



E por se fose pouco, podedes xogar coa letra da canción con esta actividade interactiva que atopamos pola rede: Grazas a Blpires por compartir. 


18/1/21

Pai, fillo , nai

Desde a Rede do Patrimonio Cultural ofrécennos algunhas suxestións para xogar con elementos sinxelos que podemos atopar na natureza. Este xogo coñecémolo tamén por "Tres en raia". É doado xogar en parellas, e aproveitamos para mellorar a nosa capacidade de concentración e a lóxica. Xogamos?


17/1/21

O TEMPO QUE VAI

Comezamos este ano coa conversa máis recurrente : falar do tempo. É que o ano novo non tivo desperdicio!: frío, neve, xeadas,... Pero, estamos seguros de usar as palabras correctas? Desde a TVG temos unha asesora lingüística de excepción. 

Por exemplo: estes días todos vemos de camiño á escola a "xeada" ou a "xiada"?

 


 Ademais, aquí non falamos do tempo que "fai", senón do tempo que "vai":

 

E xa que estamos falando do tempo, como facemos para "ler" a predición do tempo?


E se queres saber máis, aínda podes entrar na páxina de "Orgullo Galego" e averiguar cantas formas temos para falar da choiva.

Pero xa vos adianto, que para a folerpa de neve, podemos aprendernos estas:


Por certo, aquí nevar non neva, pero saraibar, saraiba. "Granizar"... non, non "graniza"...