31/1/21

O Día da Candeloria

"Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, metade do inverno está por pasar."

Mañá, o segundo día de febreiro, é unha data especial. Seica casan os paxariños! Xa o dí o refrán:

"Pola Candeloira casan os paxariños e maila galiñola".

É unha fermosa tradición, vencellada coa natureza, que nos obriga a levantar a vista e observar o mundo das aves. 

Segundo recollen no diario "Nós":

“É unha data dedicada ao amor e á fecundidade, os paxaros serven como referencia de observación da natureza e como obxectos de construción simbólica”

Rafael Quintía, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega. 

Va que é unha fermosa celebración?

Pois imos celebralo cunha canción:


PROXECTO REBINXE

Coñecedes o "PROXECTO REBINXE"? Segundo parece este nome tan raro é o acrónimo de "recuperación da biodiversidade na xeografía (rural)". É unha marabillosa iniciativa do I.E.S. San Rosendo de Mondoñedo.  Tratan de desenvolver iniciativas para protexer o seu entorno, a Serra do Xistral, un riquísimo ecosistema que pode estar en perigo. Para que teñades unha idea do traballo espectacular que están facendo non tedes máis que asomarvos a esta xaneliña e ver o que gravaron colocando unha cámara no medio do bosque. Ollade... 





De cantos animaliños dos que aquí se ven coñeces o nome?

28/1/21

DESMONTANDO SANTIAGO DE COMPOSTELA

Este é o título dun dos programas da serie "Desmotando Galicia" que foi emitido durante o pasado ano. Aproveitamos que a TVG deixa estes espazos na súa programación á carta, e achegámonos á cidade que remata o noso camiño deste curso. Seguro que desta forma aumentamos as ganas de facer este longo percurso que é o "Camiño de Santiago" por algún dos seus itinerarios. A cidade compostelá garda moitos segredos. Se queres acompañarnos, velaí tés unha mostra. E se queres profundizar, non tés más que premer aquí e ver o programa completo. 

 

27/1/21

Paseamos e xogamos

Se o tempo o permite, podemos saír pasear polo monte. Están moi de moda os "baños de bosque", relaxantes e espirituais. Pero a nós tamén nos gusta xogar. Para iso, precisamos da colaboración da natureza, e maiormente das árbores. Neste caso, dos carballos. Os carballos son árbores nobres, creadores de sombra agarimosa no verán, e moi sabios, porque adoitan ter unha longa vida. Moitos deles agochan un secreto que nós podemos aproveitar para xogar. Queres coñecelo? 

Desde "Xogamos en rede", fálannos dos bugallos. Procura pasear cunha persoa maior que saiba manexar a navalla, e voltarás cun divertido agasallo para casa. Por certo, o segredo que agocha ten algo que ver coa nosa biblioteca. Sabes o que é?


26/1/21

PARABÉNS!

Cantas veces temos que felicitar a compañeiros e compañeiras, a persoas da nosa familia, aos amigos e ás amigas ... e non lembramos ben como facelo usando correctamente a nosa lingua? Para as emerxencias, botamos man dos que xa pensaron niso antes ca nós. Aquí tedes o "Parabéns para ti" en galego. Grazas á iniciativa do Concello de Carballo por preparar este video. 




E xa que estamos, podemos lembrar cales son as palabras correctas en galego para celebrar un aniversario (non un cumpreanos*). A nosa "asesora" comentouno cando celebraron o seu programa número 100!

25/1/21

Mapas interactivos

 Non hai moitos recursos ao noso dispor para traballar as Ciencias Sociais en galego. Cando se trata de xeografía, custa ás veces achar recursos dixitais. Mergullando nas redes atopamos algunhas suxestións como a de DIDACTALIA, que ten xogos interactivos diversos para repasar desde un nivel inicial a outro máis experto. 


Premendo nesta ligazón podes acceder ao sitio web. Quedará aloxado tamén na coluna da dereita. Xa nos contarás que tal funciona.

24/1/21

Os dedos da man

Ás veces, o máis simples convírtese no máis difícil. A influencia do castelán no galego é tan grande, que mesmo estamos esquecendo os nomes dos dedos das nosas mans. Sempre podemos axudarnos co dicionario, pero... va que é máis doado velo nunha sinxela ilustración? Desde a páxina de "Orgullo Galego" chéganos esta proposta. 


E desde o #digochoeu, a axuda impagable da nosa youtuber favorita, con poemiña incluído:


23/1/21

Seguimos xogando en rede: "Os pelouros"

Traemos hoxe outro xogo co que podemos presumir de rapidez e habilidade coas mans. É o xogo dos pelouros. En castelán coñécese tamén como "las tabas", aínda que se xoga con pequenos ósos, e non con pedriñas. 

En calquera recuncho podedes atopar os elementos cos que xogar. Só hai que poñer vontade, ensaiar, e buscar contrincantes, co que o xogo resultará máis divertido. 


20/1/21

O almorzo

De todos é sabido que a comida máis importante do día é... o almorzo! En galego o almorzo é a primeira comida do día, o que en portugués chaman "pequeno almoço", en francés "petit déjeuner", en castelán "desayuno" e en inglés "breakfast". Lembrade que en castelán "el almuerzo" é o noso "xantar" (a comida do mediodía), e en portugués, o xantar é a nosa cea, é dicir, a comida da noite... menudo lío, non?
O caso é que o almorzo é a comida máis importante do día e ben merece un capítulo aparte. 
Aquí vos deixamos un bo resumo do que é aconsellable no almorzo (non todo xunto, por suposto), por se tedes dúbidas acerca de que podedes preparar cada mañá.


19/1/21

"Martiño Peregrín", por Uxía Lambona e a Banda Molona

Pois xa nos fixeron a banda sonora para este curso! Vese que "Uxía Lambona e a Banda Molona" tomaron nota do noso proxecto e puxéronse a pensar nunha cantiga ben bonita (molona) para traballar e aprender ben ambientados. Va que vos gusta e vos mola?



E por se fose pouco, podedes xogar coa letra da canción con esta actividade interactiva que atopamos pola rede: Grazas a Blpires por compartir. 


18/1/21

Pai, fillo , nai

Desde a Rede do Patrimonio Cultural ofrécennos algunhas suxestións para xogar con elementos sinxelos que podemos atopar na natureza. Este xogo coñecémolo tamén por "Tres en raia". É doado xogar en parellas, e aproveitamos para mellorar a nosa capacidade de concentración e a lóxica. Xogamos?


17/1/21

O TEMPO QUE VAI

Comezamos este ano coa conversa máis recurrente : falar do tempo. É que o ano novo non tivo desperdicio!: frío, neve, xeadas,... Pero, estamos seguros de usar as palabras correctas? Desde a TVG temos unha asesora lingüística de excepción. 

Por exemplo: estes días todos vemos de camiño á escola a "xeada" ou a "xiada"?

 


 Ademais, aquí non falamos do tempo que "fai", senón do tempo que "vai":

 

E xa que estamos falando do tempo, como facemos para "ler" a predición do tempo?


E se queres saber máis, aínda podes entrar na páxina de "Orgullo Galego" e averiguar cantas formas temos para falar da choiva.

Pero xa vos adianto, que para a folerpa de neve, podemos aprendernos estas:


Por certo, aquí nevar non neva, pero saraibar, saraiba. "Granizar"... non, non "graniza"...