24/4/26

SEMANA DO LIBRO

Boa tarde!


Esta semana celebramos a Semana do Libro e unha das actividades que fixemos, en colaboración co equipo de Biblioteca, foi unha exposición de libros en galego. 

Cada estudante debuxou a portada do seu libro favorito en galego e con todas fíxose unha exposición no corredor. 


Sairon títulos repetidos como a banda deseñada "Super Pataca", a colección traducida "Escola de Monstros" ou libros de escritoras galegas con gran acollida entre o alumnado lector como o é Ledicia Costas. 








Que mellor maneira de facer unha recomendación lectora e animalos a ler en galego! 


E, para finalizar, queremos compartir o poema que a autora Eva Mejuto nos fixo chegar ás bibliotecas escolares neste Día do Libro 2026:


Cando lemos
percorremos silandeiras as bambolinas dos soños.
Cando lemos
somos a luz do torreiro que alumea nos teus ollos;
somos unha e somos todas sucando contra a marea.
Cando lemos 
somos a chuvia que lanza o ar e bate a area. 
Cando lemos
prendemos lumes sen chama, arredámonos do frío,
escorrentamos o medo, bebemos sol do resío.
Cando lemos
cruzamos pontes de estrelas tecendo con fío invisible...
porque cando lemos 
todo é posible, 
sobre todo o imposible.
Eva Mejuto. Día do Libro 2026