24/4/26

SEMANA DO LIBRO

Boa tarde!


Esta semana celebramos a Semana do Libro e unha das actividades que fixemos, en colaboración co equipo de Biblioteca, foi unha exposición de libros en galego. 

Cada estudante debuxou a portada do seu libro favorito en galego e con todas fíxose unha exposición no corredor. 


Sairon títulos repetidos como a banda deseñada "Super Pataca", a colección traducida "Escola de Monstros" ou libros de escritoras galegas con gran acollida entre o alumnado lector como o é Ledicia Costas. 








Que mellor maneira de facer unha recomendación lectora e animalos a ler en galego! 


E, para finalizar, queremos compartir o poema que a autora Eva Mejuto nos fixo chegar ás bibliotecas escolares neste Día do Libro 2026:


Cando lemos
percorremos silandeiras as bambolinas dos soños.
Cando lemos
somos a luz do torreiro que alumea nos teus ollos;
somos unha e somos todas sucando contra a marea.
Cando lemos 
somos a chuvia que lanza o ar e bate a area. 
Cando lemos
prendemos lumes sen chama, arredámonos do frío,
escorrentamos o medo, bebemos sol do resío.
Cando lemos
cruzamos pontes de estrelas tecendo con fío invisible...
porque cando lemos 
todo é posible, 
sobre todo o imposible.
Eva Mejuto. Día do Libro 2026

13/3/26

DÍA DA MULLER


Esta semana no centro, con motivo da celebración do Día da Muller e en relación co PDI deste curso sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, en concreto co ODS Nº 5, Igualdade de Xénero, todo o alumnado estivo investigando sobre mulleres españolas importantes na Historia, que contribuíron ou contribúen co seu traballo a lograr cada un dos 17 Obxectivos. 

 




 

Cada aula fixo a súa ficha informativa sobre unha muller destacada que estivera relacionada cos ODS que cada curso ten asignados e logo colocámolas nunha exposición xunto a biblioteca do centro, para que toda a comunidade educativa a poida visitar.






Visibilizar o papel das mulleres do pasado e do presente do noso país é un aspecto imprescindible para formar unha sociedade máis igualitaria.















27/2/26

DÍA DE ROSALÍA

O pasado luns, día 23, conmemoramos o nacemento da nosa poeta máis internacional: Rosalía de Castro.

As semanas previas xa comezamos a traballar sobre a súa figura dende as aulas xa que o alumnado estivo recollendo ideas para a elaboración dun mural sobre Rosalía no centro. Descubrimos que Rosalía tamén forma parte da historia de Muxía xa que estivo vivindo na nosa vila e foi aquí onde se inspirou para escribir a súa novela "La hija del mar". Recollemos as nosas ideas en formato de texto e imaxes e enviámosllas á ilustradora ceense Laura Suárez, que converteu as nosas ideas neste precioso mural.




Dende aquí queremos darlle as grazas a esta artista local por dar forma ás nosas ideas e plasmalas nesta preciosa obra, que nos recordará que o pobo muxián tamén formou parte da vida e obra de Rosalía.

O propio luns 23 celebrámolo inaugurando unha exposición dos seus poemas no corredor xunto a biblioteca e tamén celebramos un recital de poesía, onde tanto profesorado como alumnado lle rendeu homenaxe co recitado dalgúns dos seus poemas máis coñecidos.






Para rematar a xornada, dende o comedor escolar tamén quixemos homenaxear a Rosalía, polo que grazas ao equipo de cociña puidemos degustar o seu  "Caldo de Gloria", que como diría a poeta "nos soupo que la mar".



 

9/2/26

ENTROIDO

Chegou o tempo de Entroido.


Esta semana estamos seguindo os mandados do Meco, que este ano promulga un Entroido Sostible para un mundo máis sostible.

Se queredes saber máis sobre a orixe desta tradición que se celebra tanto en Galicia como en España e en diferentes partes do mundo pincha AQUÍ.

Investiga sobre o Entroido Galego e verás todo o que descobres.

Logo tedes o xogo do Pasapalabra para poñer a proba todo o que aprendestes. 

A gozar moito destes días de festa e tradición!






6/2/26

DÍA DA CANDELORIA


O pasado luns, día 2, celebramos o día da Candeloria no centro.

Este día simboliza a metade do inverno e a partir desta data van medrando os días e a natureza vaise preparando para recibir a nova estación. De aí que na cultura popular sexa unha data relacionada coa predición do tempo, o que se reflicte en refráns como:

"Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra, que chore, que deixe de chorar, metade do inverno está por pasar".
"O día da Candelaria, si chora ou venta, inverno entra. E si non venta nin chora, inverno fóra".

Aproveitamos a semana para coñecer vocabulario relacionado coas aves e investigar máis de preto algunhas aves da nosa contorna.

Tamén se repartiron polas aulas casiñas de madeira para colocar nas árbores do noso patio e que lle poidan servir de refuxio aos paxariños para criar porque, como di outro refrán "A partir da candeloria, ningunha ave voa soa". 
Agardamos que o tempo nos permita colocalas nestas semanas e poder observar se nos visita algunha ave esta primavera.