31/10/15

Magosto e Samaín 2015


O 6 de novembro celebramos 
 Magosto e  Samaín







Aquí témolo magosto
que viva a festa rachada
os meniños desta escola
farán  a castañada.



30/10/15

Chegada do outono



     No CEIP Os Muiños dámoslle a benvida ao outono, decorando o centro con debuxos dos nenos e nenas.




O outono é bonito, 
con días de sol
e toda a paisaxe 
vólvese marrón.

Marrón e amarelo,
como o marmelo;
marrón e dourado , 
 todo empapelado.

Benvida ao novo curso


NO CEIP OS MUIÑOS O CORAZÓN LEVA A VOZ CANTANTE





 

As emocións son unha parte moi importante da nosa vida, e polo tanto tamén do currículo, por iso este curso imos traballar con elas, para que nos acostumemos a preguntar e expresar como te sentes, como crees que sente o outro, como sentirías no seu lugar, por que crees que fixeches isto, que
poderías facer en lugar disto...

 




                    Regando a vida con emocións positivas medran a paz, a amizade, a liberdade...


27/6/15

PEPIÑO E O CUCO

El era pequeno, gordecho e de ollos negros. Tiña as meixelas coloradas e os pelos de punta, rebeldes…pero o seu carácter era afable e amosaba unha tremenda curiosidade por todo, o que o levaba a situacións as veces apurada.

Asistía con regularidade á escola da aldea só pola mañá, porque pola tarde non había.
No tempo que lle quedaba libre, Pepiño de Pepa, que así se chamaba o rapaz, facía os labores que a súa nai lle encomendaba; coidar as galiñas, un porco e dúas ovellas que tiñan; enciñar e sachar as patacas no seu tempo e ir ao monte dous días por semana a por un saco de gasto( que veñen a ser as agullas dos pinos cando están secas).

Pepiño facía todo isto porque a súa nai andaba a cotío de xornal polas casas dos veciños para levar á súa algo de cartos e produtos do campo, pois ela era o home e a muller da casa.

Pepiño non tiña pai. As poucas veces que se atrevera a preguntarlle a súa nai por el, sempre lle contestou cun berro.

Un luns, despois do  Nadal, á volta da escola, topouse cun canciño peludo que coxeaba dunha pata. Pareceulle raro, porque el, aos cans de Touriñán( que era a súa aldea) coñecíaos a todos. Pero axiña pensou que puidera ser que o véspera fora día de caza e quedara extraviado do seu dono.

Levouno para a casa moi contento pero ao mesmo tempo preocupado por como lle ía dicir á súa nai que quería quedar con el, xa que tiña tres gatiños, dous paxaros e un porco teixo que tamén atopara ferido no monte un mes antes. 

Non tivo problema, a nai díxolle que o que tiña que facer, se quería quedar con el, era repartir a súa ración de comida co can, porque naquela casa non sobraba nada, máis ben faltaba.

Púxolle de nome Cuco polo espelido que era, e converteuse no seu mellor compañeiro. Ía á escola e esperábao na porta. Ïa ao gasto, el tamén...se era buscar as ovellas, Cuco case llas traía el só, e ata lle buscaba porcoespiños polos balados.

No mes de Maio, cando xa os días eran máis grandes, despois de coller da artesa un corocho de broa para el e para Cuco, marcharon os dous a buscar e gardar as ovellas.
Despois meteu no peto a harmónica Que o padriño lle regalara polo San Martiño, colleu o saco do cabanel e foron pola pista que vai para Queiroso xuntar o gasto que lle tocaba ese día. Rematou axiña, pero antes de voltar para a casa, subiu a unhas pedras dende onde se ve o mar de Muxía ata Nemiña, para ver pasar os barcos aló polo horizonte.

O sol reflectíase na auga e cada vez ía baixando máis, ata que desapareceu de todo. Pepiño puxérase a tocar a harmónica e pasoulle o tempo sen se decatar de que se facía de noite. Cando se deu conta, botouse a correr para coller o saco e liscar para a casa. O can tamén ía escentellado. Corre que te corre, ao saltar unha parede, meteu o pé nun cepo que os do lugar tiñan posto para o raposo( porque lles zampaba as galiñas todas).

Tivo que pasar alí a noite, pois canto máis tiraba do pé máis dano se facía.
O amencer díxolle ao Cuco:
-Corre a casa e rasca na porta.
Cuco liscouse e cando Pepa chegou á casa do velorio dun veciño, xa lle sangraban as unllas de tanto rascar. Ao velo fóra a nai comezou a berrar porque o can sempre durmía dentro. Chamou aos veciños do lado e seguiron ao can ata dar con Pepiño.

No setembro dese ano( mil novecentos oitenta e dous) tódolos rapaces tiveron que ir ao Colexio de Vilarmide que quedaba bastante lonxe. A pena máis grande de Pepiño era deixar a Cuco tódolos días na cabina, pois dende as nove da mañá que marchaba ata as seis da tarde que volvía, non se movía da parada do autobús.

Pasou o tempo. Cuco fíxose velliño e morreu. O seu amigo enterrouno na horta da casa. Pepiño foi un bo estudante. Hoxe ten praza de veterinario en Coristanco. No seu tempo libre adestra cans para persoas cegas e para que no momento en que o necesiten lles axuden como Cuco lle axudou a el.

                                                                        Carmen Sambad Lema


                                                                                 


Tíralle da lingua  xuño 2015

8/3/13

MANS PARA TODO

Fai corenta e tres anos que me trasladei á aldea onde vivo. Recordo que unha das cousas que me chamaba a atención era ver ós rapaces polas tardiñas coas vacas pola corda pola beira dos camiños, pois daquela non había carreteras polos lugares coma hoxe.
As leiras que  a maioría están agora a toxo e silvas, estaban sempre traballadas: patacas, millo, fabas, centeo, aveas e verduras que servían de sustento ás persoas e ós animais. A herba que se lle daba ás vacas na casa, cortábase á fouciña e levábase nun feixe ou nun cesto na cabeza. Aí tamén colaborabamos os rapaces.
Naquel tempo por aquí non había tractores nin maquinarias agrícolas que adiantasen o traballo como actualmente, polo tanto eran as vacas  co carro e o arado xunto cos demais apeiros cos que se realizaban os labores máis duros. Pero a “maquinaria” máis importante e necesaria eran as mans das perosas. Pois tanto para arrincar o esterco, estendelo, rozar, plantar as patacas, o millo, as fabas e tódalas sementes, era a ferramenta imprescindible.
Logo enciñar, sachar, cortar, esfollar... en fin, todo o proceso que calquer labrego de fai cincuenta anos tiña que facer se quería ter froito.
Despois coa recollida, comezaba outro ritual, exemplo, para facer a broa ou pan de millo (o pantrigo case non se coñecía) era preciso debullar as espigas, levalas a moer ó muíño, peneirar a fariña e logo amasar e cocer pan de millo para toda a semana.
Podería estenderme máis, pero as mans que aparecen debullando ó principio deste blog, recordáronme as da miña sogra e as de tantas outras mulleres que as pasaron canutas para criar ós fillos solas.
Polas mañás mandábanos á escola e pola tarde, ó que eran algo grandiños, íanlles coas vacas ós veciños para axudar e comer todos os días.
Moitos dos homes daquela emigraban a Sudamérica e xa se sabe, algúns deles, “si te he visto no me acuerdo”.
Hoxe, 8 de marzo, a miña sinxela homenaxe a todas as mulleres que só coas súas mans, foron quen de sacar as familias adiante.

     Carmen Sambad

30/11/12


Lelo, lelo. Pero lelo, leliño, disque voltei a casa aquel meu primeiro día de escola. E ao interrogatorio da miña nai, seica daba respostas rotundas e tan convencidas que facían rir.


- E dis que é máis guapa cá túa curmá Mila? (Hei de aclarar que a miña curmá, loira e moderna porque estaba a estudar en Santiago e que me levaba polo menos quince anos, era para min o canon ideal da beleza feminina naqueles tempos).
- É, si, máis guapa ca Mila.
- E que Mamá? -dicía meu pai contendo a risa- É máis guapa que Mamá?
- Oouh! Moitísimo máis.


E todos escachaban a rir, coma se tivese contado un chiste, un daqueles nos que ían un inglés, un francés e un español, e este era sempre o máis listo dos tres. E eu non debía de comprender nada daquelas gargalladas, porque estaba a falar moi serio e o asunto non me parecía ningunha broma.

- É guapísima, Mamá, e que ben ole...


Iso si que o lembro. Aquel arrecendo a lavanda e a herba fresca e chuchamel, que te invadía cando ías corrixir o copiado ao seu carón. Demorabas todo o tempo posible naquela gloria, ata que te espertaba o cheiro a bosta dos zapatóns dalgún compañeiro que xa arrempuxaba naquela impaciente fila da mesa da mestra.

- Quen o ía dicir, a primeira mestra, o primeiro amor. Estámosche aviados, Carmiña, este neno vai ser un donjuan.


Naquela escoliña dos anos nos que o home soñaba coa viaxe inminente á lúa, o recreo era unha horta cun limoeiro, baixo o que xogabamos a Tarzán e, nas tardes de chuvia, a mestra repartía coloridos tacos de madeira para facermos torres e palacios, ou, se pasabas a revisión das mans limpas, as bólas dunha plastilina de cor incerta que viña nunha caixa de cartón.


Un día chegou o desengano. Por ter estado a xogar coa terra no recreo, entrei coas mans lixadas e a mestra negoume a plastilina. Debín comprender naquel intre que o contrario do amor non é o odio, senón o desprezo, e odiei e amei a un tempo á miña mestra.


O home chegou por fin á lúa aquel verán, e descubriu que o astro tiña dúas caras. O rostro amable e luminoso que durante milenios estivo a ver desde a terra, volvíase árido, desolado, irrespirable unha vez alcanzado. Eu tamén baixei da lúa naquel ano de 1969.


Paco Lojo. Mestre de 3º B.

23/11/12

Sole trouxo un escrito no que nos conta cousas que lle contou a súa avoa.


A miña avoa chámase Mª Soledad Lema Martínez, coñecida por Marisol.

Cando era pequena gustáballe moito estudar.
O colexio que tiña máis cerca era o colexio dos Muíños. Tiña que ir andando e os días de chuvia tiña que ir cunha chaqueta na cabeza para non mollarse porque, se levaba o paraugas, rompíalle co vento que facía.
Non podía ir todos os días ó colexio porque tiña que ir cos seus pais levar as vacas a pastar.
Había que ir todos os domingos á misa.
As bonecas que tiñan ela e as súas irmás eran as espigas do millo e a veces incluso paus con trapos ou roupa vella. Non tiñan televisión, só escoitaban a radio.

22/11/12



A avoa De Sheila Rey  (Mª Jesús Sar Barrientos) contoulle esta historia e a neta fixo de secretaria copiándoa.
 
Chámome Mª Jesús e cando era pequena, eu e a miña irmá fomos ao colexio de Muxía. Había un colexio para nenos e outro para nenas. No recreo xuntabamonos todos e xogabamos ao brilé, á estornela...
Algúns días faciamos actividades como coser, bordar...Encantábame facelo. Pero cando tiñamos doce anos, a nosa vida cambiou. Os nosos pais emigraron a Venezuela, como tiñan que traballar, internáronnos nun colexio chamado Nazaret e, casualmente, había unha monxa galega que era coxa e eu,  como era moi traviesa e mais bruta, chamáballe “a coxa” e ela dábame coscorróns.
Cando estabamos en clase, tiñamos unhas cartulinas para apuntar o comportamento. A miña irmá tíñaa limpa e eu, chea de faltas. Non teño moi bo recordo desa época porque as monxas foron moi crueles comigo porque tiña un problema e mexábame na cama. Tiña que lavar eu a roupa fóra e as monxas avergonzábanme ante as miñas amigas.

 ___________________________________________________________________________________

María Paz Toja, en canto chegou á casa preguntoulle ó seu avó pola súa época de escola e xa trouxo isto anotado e ademais cun debuxo.

Son María Paz Toja e meu avó, Jesús Paz Paz, contoume que cando era pequeno ía ó colexio nunha egua e leváballe ó profesor un saco de millo para que o profesor fixera broa, porque tiña moitos fillos. Meu avó ía enriba do saco de millo que ía enriba da egua.

19/11/12

Arrincamos!

Corre o tempo que mete medo!
Esta expresión ven que nin pintada para reflectir o que nos pasa: antonte eramos nós os que iamos á escola, e hoxe levamos a fillos e netos...
Por esta razón invitamos a toda a comunidade educativa a participar nunha recolleita moi especial: historias e fotos. Historias nas que contemos cousas que nos pasaron cando nós eramos cativos e fotos nas que aparecemos cos compañeiros (de excursión, no recreo xogando ó brilé, bailando unhas buxainas ou na entrada do colexio co mestre daquel ano...)
Contamos coa vosa colaboración. Agradecémola de antemán.
Saúdos desde o Equipo de Dinamización Lingüística do colexio de Os Muíños.

23/10/12

Naceu co outono.


Naceu co outono.
Estamos en tempo de vendima, de mosto e magosto, de cogumelos e  de recolleita do millo. Hora de sentar arredor dos "pitucos" e debullar as espigas para encher os ferrados de madeira de grans dourados...
Así vai ser este espazo: un ferrado de madeira escura sobre o que irán caendo, igual que grans, as historias que todos nós contaremos.
Serán historias contadas por mestres e pais, por nenos e xente que pasou pola nosa escola ou por calquera das escolas desta zona.
Será un punto de encontro, un baúl cheo de fotos vellas, de fotos novas que nos farán decir aquilo de:
- Para, para.... este non é o irmán de.....?