10/5/22

AUDIOVISUAIS DE APOIO AOS PÓSTERS

 Neste webmix podes obter os dez videos que che guían polos pósters expostos no noso vestíbulo. Son pezas breves que falan da vida e da obra de Florencio Delgado Gurriarán. Podes acceder desde a imaxe.



9/5/22

PARA ACHEGARNOS A FLORENCIO

A tenda creativa OzocoGZ partilla cada ano recursos relacionados coa arte, a tradición e a cultura galegas. Tratándose dunha tenda de deseño e creación, a súa xenerosidade fai que poidamos acceder a materiais sinxelos coma esta carouta de Florencio Delgado Gurriarán. Podes descargala premendo aquí ou na propia imaxe.

6/5/22

PRIMAVERA DAS LETRAS

Con este video podemos achegarnos á aldea de Florencio Delgado Gurriarán, en Valdeorras, provincia de Ourense. Son os nenos da escola de Vilamartín de Valdeorras os que guían o noso camiño. 


26/4/22

TELEXORNAL : FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

O alumnado do C.E.I.P. de Dices - Rois preparou un TELEXORNAL exclusivo para conmemorar este Día das Letras. A través del podemos facer un percorrido pola vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán.

14/3/22

POEMAS PARA LEVAR: ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

 Este mes de marzo, mes da poesía, imos explorar a creatividade e os sons de Antonio García Teijeiro. É un poeta con moita imaxinación. Sabe combinar moi ben as palabras e pinta con elas versos sonoros e cheos de cores. Se te animas a achegarte aos seus poemas, podes achegarte ao corredor que leva á biblioteca e facerte cunha colección dos seus mellores versos. 



24/2/22

23 de febreiro, Día de Rosalía: "Negro Caravel"

E para rematar a semana, un tango... Si, si, Rosalía tamén pode bailarse nunha peza coma esta. Está interpretada por Sabela Ramil e Rosa Cedrón, durante unha das galas do programa de RTVE "Operación Triunfo".

Esta música que acompaña ao poema foi composta pola propia Rosa Cedrón e a pianista (e gaiteira) Cristina Pato. 

23/2/22

23 de febreiro, Día de Rosalía: "Unha vez tiven un cravo"

Os poemas de Rosalía son tan actuais que poden ser interpretados cunha sinxela lectura, adaptados ao rock'n'roll ou á música folk, musicados con estilo pop ou rapeados. 
Aquí, a rapeira viguesa Aíd fai a súa versión de "Unha vez tiven un cravo".



22/2/22

23 de febreiro, Día de Rosalía: "Adiós ríos, adiós fontes"

 Este poema, co que imos "pintar" a Rosalía, tamén pertence a "Cantares Gallegos". Amancio Prada púxolle música e foi interpretado por moitos artistas. Aquí temos a versión de Lucía Pérez. 






21/2/22

23 de febreiro, Día de Rosalía: "Negra Sombra"

Un dos poemas máis coñecidos e cantados é "Negra Sombra". Pertence ao poemario "Follas Novas". A música orixinal foi composta por Juan Montes.

  

Esta versión ten un especial significado, porque foi interpretada por Luz Casal e Carlos Núñez como homenaxe ás vitimas da COVID-19 en xuño de 2020 no claustro do convento de San Francisco, en Compostela. 

20/2/22

23 de febreiro, día de Rosalía: "Meniña ti a máis fermosa"

 Este poema pertence á obra máis popular de Rosalía de Castro, "Cantares Gallegos". Roi Casal musicouno e interpretouno baixo o título de "Ninfa das frescas augas".