30/11/12


Lelo, lelo. Pero lelo, leliño, disque voltei a casa aquel meu primeiro día de escola. E ao interrogatorio da miña nai, seica daba respostas rotundas e tan convencidas que facían rir.


- E dis que é máis guapa cá túa curmá Mila? (Hei de aclarar que a miña curmá, loira e moderna porque estaba a estudar en Santiago e que me levaba polo menos quince anos, era para min o canon ideal da beleza feminina naqueles tempos).
- É, si, máis guapa ca Mila.
- E que Mamá? -dicía meu pai contendo a risa- É máis guapa que Mamá?
- Oouh! Moitísimo máis.


E todos escachaban a rir, coma se tivese contado un chiste, un daqueles nos que ían un inglés, un francés e un español, e este era sempre o máis listo dos tres. E eu non debía de comprender nada daquelas gargalladas, porque estaba a falar moi serio e o asunto non me parecía ningunha broma.

- É guapísima, Mamá, e que ben ole...


Iso si que o lembro. Aquel arrecendo a lavanda e a herba fresca e chuchamel, que te invadía cando ías corrixir o copiado ao seu carón. Demorabas todo o tempo posible naquela gloria, ata que te espertaba o cheiro a bosta dos zapatóns dalgún compañeiro que xa arrempuxaba naquela impaciente fila da mesa da mestra.

- Quen o ía dicir, a primeira mestra, o primeiro amor. Estámosche aviados, Carmiña, este neno vai ser un donjuan.


Naquela escoliña dos anos nos que o home soñaba coa viaxe inminente á lúa, o recreo era unha horta cun limoeiro, baixo o que xogabamos a Tarzán e, nas tardes de chuvia, a mestra repartía coloridos tacos de madeira para facermos torres e palacios, ou, se pasabas a revisión das mans limpas, as bólas dunha plastilina de cor incerta que viña nunha caixa de cartón.


Un día chegou o desengano. Por ter estado a xogar coa terra no recreo, entrei coas mans lixadas e a mestra negoume a plastilina. Debín comprender naquel intre que o contrario do amor non é o odio, senón o desprezo, e odiei e amei a un tempo á miña mestra.


O home chegou por fin á lúa aquel verán, e descubriu que o astro tiña dúas caras. O rostro amable e luminoso que durante milenios estivo a ver desde a terra, volvíase árido, desolado, irrespirable unha vez alcanzado. Eu tamén baixei da lúa naquel ano de 1969.


Paco Lojo. Mestre de 3º B.

23/11/12

Sole trouxo un escrito no que nos conta cousas que lle contou a súa avoa.


A miña avoa chámase Mª Soledad Lema Martínez, coñecida por Marisol.

Cando era pequena gustáballe moito estudar.
O colexio que tiña máis cerca era o colexio dos Muíños. Tiña que ir andando e os días de chuvia tiña que ir cunha chaqueta na cabeza para non mollarse porque, se levaba o paraugas, rompíalle co vento que facía.
Non podía ir todos os días ó colexio porque tiña que ir cos seus pais levar as vacas a pastar.
Había que ir todos os domingos á misa.
As bonecas que tiñan ela e as súas irmás eran as espigas do millo e a veces incluso paus con trapos ou roupa vella. Non tiñan televisión, só escoitaban a radio.

22/11/12



A avoa De Sheila Rey  (Mª Jesús Sar Barrientos) contoulle esta historia e a neta fixo de secretaria copiándoa.
 
Chámome Mª Jesús e cando era pequena, eu e a miña irmá fomos ao colexio de Muxía. Había un colexio para nenos e outro para nenas. No recreo xuntabamonos todos e xogabamos ao brilé, á estornela...
Algúns días faciamos actividades como coser, bordar...Encantábame facelo. Pero cando tiñamos doce anos, a nosa vida cambiou. Os nosos pais emigraron a Venezuela, como tiñan que traballar, internáronnos nun colexio chamado Nazaret e, casualmente, había unha monxa galega que era coxa e eu,  como era moi traviesa e mais bruta, chamáballe “a coxa” e ela dábame coscorróns.
Cando estabamos en clase, tiñamos unhas cartulinas para apuntar o comportamento. A miña irmá tíñaa limpa e eu, chea de faltas. Non teño moi bo recordo desa época porque as monxas foron moi crueles comigo porque tiña un problema e mexábame na cama. Tiña que lavar eu a roupa fóra e as monxas avergonzábanme ante as miñas amigas.

 ___________________________________________________________________________________

María Paz Toja, en canto chegou á casa preguntoulle ó seu avó pola súa época de escola e xa trouxo isto anotado e ademais cun debuxo.

Son María Paz Toja e meu avó, Jesús Paz Paz, contoume que cando era pequeno ía ó colexio nunha egua e leváballe ó profesor un saco de millo para que o profesor fixera broa, porque tiña moitos fillos. Meu avó ía enriba do saco de millo que ía enriba da egua.

19/11/12

Arrincamos!

Corre o tempo que mete medo!
Esta expresión ven que nin pintada para reflectir o que nos pasa: antonte eramos nós os que iamos á escola, e hoxe levamos a fillos e netos...
Por esta razón invitamos a toda a comunidade educativa a participar nunha recolleita moi especial: historias e fotos. Historias nas que contemos cousas que nos pasaron cando nós eramos cativos e fotos nas que aparecemos cos compañeiros (de excursión, no recreo xogando ó brilé, bailando unhas buxainas ou na entrada do colexio co mestre daquel ano...)
Contamos coa vosa colaboración. Agradecémola de antemán.
Saúdos desde o Equipo de Dinamización Lingüística do colexio de Os Muíños.