Mostrando entradas con la etiqueta Entroido. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Entroido. Mostrar todas las entradas

16/2/21

As Xeneralas da Ulla

Hoxe é martes de Entroido, o día grande da festa. Xa vimos de tratar de moitos exemplos desta celebración en Galicia. Unha das máis sonadas é a de Bandeira e os Xenerais da Ulla. Disque este Entroido orixinouse coa invasión dos franceses no século XIX, e os protagonistas son os "correos" e os "xenerais", que percorren a vila de Bandeira montados a cabalo, e desafiándose coa palabra. No programa da TVG "Detrás da carauta" fannos un resumo ben cumprido, para que nos enteremos das características máis chamativas:


"Cachirulo teatro" fixo unha réplica con fermosos monicreques. Eis o resultado:


9/2/21

AS "MÁSCARAS GALEGAS, III": os "FELOS" de Maceda

Teñen moito parecido cos peliqueiros os "felos" de Maceda, pero eles non levan pelica, senón un caxato. Levan tamén meias negras e grandes pelicas penduradas do van. Protéxense dos seus golpes cunha faixa ben grosa (de feito usan sabas ou colchas para facelas). Neste antigo video do ano 1995 ofrecido pola TVG podedes ver como se visten e logo pasean polas rúas de Maceda.

AS "MÁSCARAS" GALEGAS, II: os "PELIQUEIROS" de Laza

Unha das máscaras máis coñecidas do Entroido galego é a dos peliqueiros. Segundo explican na galipedia, é "unha carouta de madeira pintada de cores rechamantes, que se prolonga nunha especie de mitra de metal cun motivo zodárico (é dicir, de león, lobo, boi,...). Detrás leva unha pelica de can, noutro tempo de gato montés, raposo ou lobo. Desta pelica venlle o nome de peliqueiro que se lle dá en Laza. O traxe está composto por unha camisola branca, gravata e unha chaquetiña curta da que colgan flocos dourados que van atados con lazos de tres cores. Sobor dos ombreiros vai un pano pendurado da chaqueta. Unha gran faixa vermela envolta á cintura suxeita o pantalón, se cadra a parte máis traballosa do traxe. Enriba da faixa vai o cinto do que colgan as chocas. As pernas do cigarrón van cubertas con meias brancas e ligas. Zapatos mouros e un mallo na man completan o indumento deste personaxe típico do entroido de Laza."

Neste video da TVG vemos o laborioso proceso de creación dun peliqueiro:



E aquí podes velos en acción percorrendo as rúas da localidade:

8/2/21

AS "MÁSCARAS GALEGAS" I: as "PANTALLAS" de Xinzo de Limia

Comezamos o noso camiño polo Entroido galego coas "pantallas" de Xinzo. Os que queren disfrazarse, visten camisa e calzón brancos, capa vermella ou negra, pano (case sempre vermello), polainas negras e zapatos negros (segundo a páxina de "Ourense Natural". Unha faixa tamén vermella lévase no van, xunto coas campaíñas ou chocas, para sufrir menos o seu roce. Non poden faltar as vexigas cheas de auga, que acompañan ao traxe para perseguir aos viandantes, e que se repoñen cada vez que rachan. 

Neste vídeo de Telemiño podes ver e escoitar sobre as pantallas, da man dunha experta:



E neste outro do Concello de Xinzo, podes sentirte dentro da festa, vendo como a xente celebra a tradición na súa vila:



7/2/21

DOMINGO FARELEIRO

O "domingo fareleiro" marca o inicio do Entroido en Galicia. Debería terse celebrado hai un mes, mais este ano non foi posible por causa da pandemia. Neste día, "os rapaces emporcallan á xente con farelo, borralla, betume e ferruxe dos potes" -segundo nos explica a Galipedia- en algunhas vilas e aldeas da provincia de Ourense, onde se celebra o Entroido máis coñecido de Galicia. 
Así foi celebrado outros anos, como recolle o noso veciño Marcos Rodríguez na súa canle de youtube:

6/2/21

O ENTROIDO GALEGO

 Xa está de volta o Entroido! É a festa máis divertida e toleirá da nosa tradición. Cada un vive o Entroido como lle peta, pero... vívese igual en todas partes? Aquí temos un video-resumo de Turgalicia, compartido desde a páxina de Orgullo Galego, que da un repaso pola maioría dos personaxes do noso Entroido. A cantos personaxes dos que se ven saberías poñerlle nome?